Ampliación da escola infantil Galiña Azul no polígono industrial Lalín 2000
***
Situada no polígono empresarial Lalín 2000, a carón da Carballeira das Casianas, a escola infantil Galiña Azul transfórmase para ampliar a súa capacidade, mellorar o seu funcionamento e ofrecer espazos máis confortables, accesibles e eficientes.
O proxecto aborda a reforma integral do edificio existente e a construción dunha nova ampliación, unificando os distintos volumes incorporados ó longo do tempo e renovando a imaxe arquitectónica do conxunto.
A intervención reorganiza os espazos interiores para adaptalos ás necesidades actuais do centro. Créanse catro novas aulas, amplíanse as zonas de almacenamento e mellóranse os espazos de dirección, persoal e servizos auxiliares, optimizando os percorridos e as conexións entre as distintas dependencias.
O acceso principal redefínese mediante un novo vestíbulo compartido, concibido como espazo de recepción, espera e almacenamento de carriños infantís. Unha ampla marquesiña protexe a chegada das familias e facilita o acceso ó centro, creando unha transición entre o interior e o exterior.
A ampliación incorpora amplas superficies acristaladas orientadas cara á Carballeira das Casianas, reforzando a conexión visual ca contorna arborada. As novas aulas comunícanse directamente co patio exterior de xogos a través de terrazas cubertas, que permiten gozar do espazo ao aire libre con protección fronte á chuvia e ó sol.
No exterior, unha nova envolvente con illamento e chapa metálica de acabado gris unifica a imaxe do edificio e mellora o seu comportamento térmico. A intervención tamén resolve problemas de filtracións e reduce as necesidades de mantemento futuro.
A mellora da eficiencia enerxética é outro dos eixes do proxecto. Substitúese o sistema de calefacción existente por aerotermia, incorpórase ventilación con recuperación de calor e renóvanse as carpintarías e parte do equipamento, favorecendo unha mellor calidade do aire e un maior confort interior.
O resultado é unha escola infantil máis ampla, funcional e eficiente, con espazos adaptados ás necesidades educativas e asistenciais actuais e unha relación máis directa coa contorna natural. Todo isto desenvólvese mantendo o uso do centro e a súa continuidade funcional.