Reforma de local social de Saídres
***
O proxecto de reforma e ampliación do local social de Saídres, en Silleda (Pontevedra), busca mellorar este espazo de encontro veciñal situado xunto ao campo da festa e adaptalo ás necesidades actuais da comunidade. A intervención desenvólvese en dúas fases: a rehabilitación do edificio tradicional, xa rematada, e a construción dunha nova ampliación, actualmente en execución.
A primeira fase permitiu recuperar e mellorar o edificio orixinal, construído en 1921, conservando o seu carácter tradicional. Os traballos incluíron a renovación dos acabados interiores e exteriores, a substitución do pavimento, a modernización da cociña e a mellora da distribución interior mediante unha nova conexión entre as distintas estancias.
Tamén se incorporou un aseo accesible e resolvéronse os problemas de humidade da fachada posterior mediante a adecuación do terreo e a execución de muros de contención. Estas actuacións melloraron as condicións de accesibilidade, salubridade e confort do local social.
A segunda fase contempla a demolición da antiga escola, construída en 1963 e cun avanzado estado de deterioración, para dar paso a unha nova edificación dunha soa planta. A ampliación, actualmente en execución, incorporará unha sala diáfana para actividades polivalentes e un amplo espazo de almacenamento, aumentando a capacidade e funcionalidade do equipamento.
O novo volume conectarase co edificio existente mediante un soportal cuberto, concibido como espazo de transición e encontro. O seu deseño contemporáneo, de liñas sinxelas e tons neutros, incorpora superficies acristaladas que favorecen a entrada de luz natural e a relación visual coa contorna.
A actuación completarase coa adecuación dos espazos exteriores e a mellora dos percorridos de acceso, reforzando a conexión entre o local social e a praza. Unha vez rematadas ambas as fases, o conxunto ofrecerá un espazo máis accesible, versátil e confortable, preparado para acoller distintas actividades e fortalecer a vida social de Saídres.