Senda Peonil T-9 Rolda Leste
***
O tramo T9-Rolda Leste forma parte do proxecto Lalín Cinto Verde, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín para crear unha rede de itinerarios peonís e ciclistas que conecte os principais equipamentos públicos e espazos naturais do municipio. A actuación mellora a mobilidade sostible e amplía as posibilidades de percorrer e gozar da contorna urbana a pé ou en bicicleta.
O proxecto acondiciona unha marxe da Rolda Leste que ata entón permanecía inaccesible, transformándoa nun novo sendeiro duns 554 metros de lonxitude e 2,50 metros de ancho. O percorrido facilita a conexión entre centros educativos, instalacións deportivas, as piscinas municipais e o lago do Pontiñas, ademais de enlazar con outras rutas peonís e ciclistas da contorna.
O novo sendeiro intégrase na paisaxe mediante un pavimento de formigón de acabado rugoso e tonalidade similar á beirarrúa existente no lado oposto da vía. O seu deseño busca dar continuidade ó conxunto, cunha solución duradeira, de fácil mantemento e respectuosa coas características da contorna.
Nos puntos de conexión con outros itinerarios incorpóranse pezas de granito que resolven os encontros entre pavimentos e desniveis, ó tempo que permiten identificar as rutas. Tamén se reforza o firme nos accesos que poden soportar o paso de vehículos pesados e se renovan os tramos deteriorados do bordo existente.
A actuación complétase coa instalación de varandas de aceiro galvanizado nas zonas con maior desnivel e coa mellora da protección da ponte existente. Ademais, colócanse papeleiras nos puntos de conexión e acceso, favorecendo o coidado e mantemento do percorrido.
Con esta intervención, o tramo T9-Rolda Leste contribúe a consolidar a rede de itinerarios de Lalín Cinto Verde, mellorando a conexión entre a cidade e os seus espazos naturais e favorecendo unha mobilidade máis accesible, sostible e vinculada á paisaxe.