2025 / equipamiento / Silleda

Reforma de Pavillón Polideportivo da Bandeira

Reforma de Pavillón Polideportivo da Bandeira

***

Construído en 1987, o Pavillón Municipal de Deportes de A Bandeira é un equipamento de referencia para a veciñanza, os colectivos deportivos e o alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela. Co paso dos anos, o uso continuado e o envellecemento dos materiais fixeron necesaria unha intervención para renovar as instalacións e adaptalas ás necesidades actuais.

Por encarga do Concello de Silleda, o proxecto contempla a mellora integral de distintos elementos do edificio, coa finalidade de optimizar as condicións para a práctica deportiva, aumentar a eficiencia enerxética e reducir os custos de mantemento.

A pista deportiva renóvase cun pavimento vinílico antiescorregadizo, adaptado ás esixencias actuais de calidade e uso. A intervención complétase coa substitución da iluminación por proxectores de baixo consumo e coa renovación dos bancos por outros de madeira natural.

Tamén se reparan e repintan os paramentos, os elementos metálicos e parte dos piares, ó tempo que se prevén actuacións de mantemento na cuberta e a substitución dos canlóns para mellorar a conservación do edificio.

Unha das actuacións máis destacadas é a recuperación dos antigos vestiarios, ata agora en desuso, para transformalos nunha sala polivalente destinada a actividades como ioga, pilates e baile. Deste xeito, amplíanse as posibilidades de uso do pavillón e aprovéitase mellor o espazo existente.

Por último, mellórase a accesibilidade na zona de entrada mediante a execución dunha nova soleira de formigón pulido. O conxunto das intervencións actualiza as instalacións, mellora a súa funcionalidade e permite aproveitar os recursos existentes, prolongando a vida útil do equipamento e favorecendo unha práctica deportiva máis cómoda e eficiente.