2022 / equipamiento / C/Manuel Rivero (Lalín)

Edificio Sociocultural

Edificio Sociocultural

***

O proxecto do Centro Sociocultural Manuel Rivero, en Lalín, enmárcase na estratexia de rexeneración urbana e recuperación social do barrio impulsada polo Concello de Lalín a través do programa Lalín SSuma21, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O edificio concibiuse como un novo equipamento público capaz de revitalizar a contorna e converterse nun punto de encontro para a cidadanía. O seu deseño responde á posición en esquina da parcela e combina un volume compacto nas plantas superiores cunha planta baixa aberta e transparente, que favorece a relación entre o edificio e o espazo público.

A fachada metálica das plantas superiores incorpora elementos móbiles que permiten regular a súa apertura, brindando dinamismo e unidade ó conxunto. En contraste, a planta baixa ábrese ó exterior mediante grandes superficies acristaladas e un espazo porticado que funciona como zona de acceso, estancia e encontro, ofrecendo protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e permitindo desenvolver actividades vinculadas ó centro.

Na planta baixa sitúanse o acceso principal, a recepción e a zona de espera, xunto coas comunicacións verticais que organizan os percorridos interiores. Tamén se atopa parte da ludoteca, concibida como un espazo dedicado ó xogo, á lectura e ás actividades infantís, que se prolonga cara á planta soto a través dunha conexión propia.

A planta soto alberga a continuación da ludoteca nunha sala diáfana e flexible, aberta a un amplo patio orientado ó sur. Este espazo permite adaptar a súa configuración a diferentes actividades infantís e educativas. A planta complétase con dous aseos accesibles, un pequeno vestiario, un tocador e as dependencias auxiliares necesarias para o funcionamento do edificio.

Na primeira planta sitúase o salón de actos, con capacidade para 90 espectadores e unha disposición de butacas en pendente. Este espazo está preparado para acoller proxeccións audiovisuais, conferencias, charlas e pequenas actuacións. A súa apertura mediante un gran portalón permite establecer unha continuidade coa praza exterior situada na parcela anexa, estendendo as actividades ó aire libre.

A segunda planta alberga unha sala diáfana destinada a actividades vinculadas ó selo de calidade. A súa configuración permite dividir o espazo mediante paneis móbiles ou mantelo aberto visualmente cara ó salón de actos inferior, grazas á súa relación en dobre altura. Esta disposición facilita tanto o desenvolvemento de actividades independentes como a conexión entre distintos espazos do centro.

Na terceira planta distribúense espazos polivalentes destinados ó traballo colaborativo, ás reunións e á actividade de asociacións e colectivos, ademais de oficinas da Administración local. A compartimentación modular e móbil permite adaptar as salas a distintas necesidades, dende espazos de traballo independentes ata unha planta diáfana. Esta zona dispón tamén dunha terraza exterior cuberta e dunha conexión co espazo baixo cuberta.

A planta baixo cuberta incorpora unha sala acristalada de carácter máis reservado, vinculada ás actividades de asociacións e colectivos e conectada directamente coa cuberta plana exterior. Este espazo amplía as posibilidades de reunión e permite desenvolver actividades ó aire libre nun contorno máis controlado.

O edificio complétase cunha praza exterior na parcela anexa, patios vinculados ás salas da planta soto e espazos porticados que favorecen a continuidade entre o equipamento e a contorna urbana. A disposición de accesos independentes permite, ademais, que determinadas salas funcionen fóra do horario xeral do centro sen necesidade de manter abertas tódalas súas dependencias.

A cuberta incorpora paneis fotovoltaicos e os equipos das instalacións de climatización. En conxunto, o proxecto configura un equipamento versátil e accesible, con espazos adaptables a diferentes escalas de actividade, concibido para favorecer a participación cidadá e reforzar a vida social e cultural de Lalín.